26 may 2011

Visita á igrexa de Redondela e Casa da República

O xoves, 26 o grupo de 2º ESO saímos polas rúas da nosa vila como parte do traballo da 3ª avaliación que empezáramos co comentario da película O labirinto do fauno: A lexitimación do poder. Queremos ver como está presente aos nosos ollos a memoria do que sucedeu nos tempos (xa non tan recentes) da República, a guerra civil e o franquismo, pero tamén como esa memoria se cambiou e se adaptou para desfigurar os feitos históricos. Para enterármonos do que pasou non abonda con que miremos o que temos diante; temos que interpretar os símbolos que dialogan na pedra e preguntármonos onde se agocha o que non está á vista.


A igrexa de Redondela
Imos paseando baixo o sol. O día está precioso pero un pouco quente de máis para camiñar. Chegamos á igrexa de Redondela.


Despois de sacarmos unhas fotos charlamos sobre os nomes que hai escritos na parede. De quen son? Buscamos os nosos apelidos: moitos temos aí algún parente.
Os nomes son os dos mortos na guerra civil no bando franquista. Están ao lado do de José Antonio Primo de Ribera, co saúdo falanxista (PRESENTES!).
Pero o bando franquista foi o que se amotinou contra o poder lexítimo da República proclamada democraticamente. Quere isto dicir que os que aquí están nomeados son traidores? Non necesariamente: a situación foi moi complicada e moitas persoas non loitaron no bando que representaba o seu xeito de pensar.
E os mortos da República? Esta é outra historia. Os (e As) que morreron na guerra están enterradas/os en fosas comúns... pero houbo moita xente represaliada, paseada (xa estudamos estas expresións en clase) que non foron enterradas sequera. Quedaron polas beiras dos camiños e algúns dos seus nomes aínda figuran nos libros dos xulgados como acusadas/os e condeadas/os... por TRAIZÓN! Esta mentira converteuse en historia. E non haberá ninguén que a denuncie e a corrixa?
Falamos doutras igrexas da vila. Tamén nelas hai nomes de mortos do bando franquista. Que partido tomou o clero en todos estes sucesos? Por que? Segue a Igrexa mantendo a mesma posición, despois de tantos anos?

A casa da República

En Redondela hai un colectivo republicano moi activo que ten un local nas vivendas do concello xunto ao conservatorio. Imos aló, outra vez baixo o sol.


Novamente hai moitos símbolos que discuten entre si e contan historias a quen saben entendelos:
A bandeira republicana
Unha cruz gammada
Sobre a cruz, un círculo que representa un punto de mira dun arma
O xugo e as frechas, e por riba un sinal de dirección prohibida
Letras tachadas, ameazas de morte...

Cando é lexítimo o poder? Lembramos algunhas condicións das que vimos no libro de texto:
Elección democrática en liberdade
Separación de poderes (lexislativo, executivo, xudicial)
Respecto aos dereitos humanos...

Volvemos ao noso centro coa idea de que hai que saber, hai que falar. Aínda que nós non falemos, as pedras falan. Hai que saber a verdade, hai que dialogar, hai que construír o futuro en paz, diálogando, falando sen medo de todas as cousas.

 

15 may 2011

O labirinto do fauno - 2º ESO 2010-11

Comentario gráfico dun texto fílmico

O traballo da terceira avaliación en 2º ESO é un Comentario de Texto moi especial porque o texto é unha película, O labirinto do Fauno, de Guillermo del Toro, e o comentario está feito mediante debuxos.
Do mesmo xeito que un comentario de texto ten dous elementos fundamentais, os termos e as ideas, nós tomamos en consideración dous elementos: os persoaxes e os símbolos.
 



Con todo isto queremos chegar tamén a unha comprensión profunda do franquismo: a proclamación da república, a sublevación militar, a guerra e a posguerra... e finalmente a restauración da democracia.
Preguntámonos: Está xa todo o problema superado ou quedan aínda feridas por curar? Todo isto continuará cunha reflexión sobre a lexitimidade do poder e as formas de goberno máis xustas, como veremos na visita á igrexa de Redondela e Casa da República.