28 ago 2019

O descubrimento de Neptuno, por Laura Vilaboa

Mural sobre o descubrimento de Neptuno como exemplo de utilización do método de Galileo, por Laura Vilaboa (1º Bach. H-CCSS, 2018-19).

A historia do descubrimento do planeta Neptuno é un exemplo clásico de como se debe e como non se debe traballar na ciencia, ou o que é o mesmo, do que sucede cando se aplica o método de Galileo e o que sucede cando non se aplica. Laura Vilaboa fixo este mural, que máis adiante presentou para a Semana da Ciencia no IES Pedro Floriani, marcando os pasos do método que se estaban cubrindo en cada momento do avance da investigación.
Se queredes ver un vídeo (en inglés) sobre este episodio da historia da ciencia podedes ir ao post da nosa colaboración co instituto Longfields-Davidson Heights de Ottawa (Canadá). Para acceder, pica na imaxe da dereita.

Galileo Galilei
Galileo Galilei (1564 - 1642) foi un matemático, físico, astrónomo e inxeñeiro italiano. Perfeccionou o telescopio que se utilizaba xa en Holanda e isto permitiulle observar os astros dun xeito novo, superando os prexuízos aristotélicos (que a lúa era unha esfera perfecta ou que as órbitas dos planetas son esferas de cristal). Comprobou que Xúpiter tiña satélites que xiraban arredor del e incluso se lle atribúen observacións de Neptuno que el rexistrou como "unha estrela azul" pero que foron útiles para os descubrimentos posteriores.
Pero Galileo desenvolveu tamén un método que se pode resumir en catro pasos: Observación, proposta dunha Hipótese, dedución de Consecuencias e Contrastación en laboratorio para Verificar a hipótese ou Falsala e propoñer outra. Este é o método que veremos que se utilizou para o descubrimento final de Neptuno (Pica na imaxe da dereita para ver o método completo).
Esta mestura de coñecemento sensible (observación co telescopio) e coñecemento racional (método) deu lugar a unha nova concepción da investigación, polo que se adoita dicir que Galileo é o pai da ciencia moderna.

Adams
A investigación que leva ao descubrimento de Neptuno comenza cando as observacións que se fan de Urano detectan unhas irregularidades na súa órbita. Expresado como elementos numéricos, resulta que dadas as ecuacións de Kepler, a masa de Urano e a súa velocidade, resulta que en determinados momentos do tempo non está no lugar do espazo no que debería.
Están cubertos os primeiros pasos do método: Observación, Enunciado do problema: "explicar as irregularidades de Urano", División en partes numéricas: Ecuacións, masa, velocidade, tempo, espazo.

John Couch Adams foi un matemático británico que traballou nunha das hipóteses que entón se propuñan para resolver o problema: Que había un planeta que pasaba por detrás de Urano e distorsionaba a súa órbita. A hipóteses contiña certas suposicións sobre a posible masa e velocidade do novo planeta e o traballo de Adams consistiu en elaborar un complexo sistema de ecuacións que describiran o lugar no que se atoparía nun momento dado. Adams fixo este traballo e parece claro que enviou os seus cálculos a un observatorio de Londres, pero no laboratorio desprezaron uns cálculos matemáticos e non comprobaron que o planeta estaba no ceo no momento indicado.
Adams avanzou, polo tanto, ata a proposta de hipótese e a dedución das consecuencias, pero o laboratorio non fixo a contrastación da hipótese, interrompendo aí o traballo científico.

Le Verrier e Galle (e d'Arrest!)
Sen coñecer os cálculos de Adams, o astrónomo francés Urbain Jean Joseph Le Verrier seguíu o mesmo camiño ca el e chegou a resultados moi similares. Tamén el enviou os seus cálculos a un observatorio astronómico, en Berlín, onde tiñan un dos telescopios máis potentes do momento e mapas de estrelas moi actualizados.
A carta recibiuna Johann Gottfried Galle, que se puxo a buscar inmediatamente no ceo, no lugar previsto polos cálculos. Pero Le Verrier cometera un erro de 1 grao e o planeta non apareceu inmediatamente. Entón, Heinrich Louis d'Arrest, un asistente de Galle, propuxo observar un punto próximo no que nos mapas de estrelas aparecía unha estraña estrela azul. Fixeron novamente os cálculos e, pouco despois da medianoite, puideron contemplar a Urano por primeira vez no seu telescopio.
Interpretamos isto como que Le Verrier percorreu os mesmos pasos do método que Adams, pero aquí si que houbo Contraste en laboratorio: as observacións de Galle, cun primeiro resultado de Falsación (1ª iteración). Por isto, d'Arrest propuxo unha Nova hipótese, deduciron de novo as súas Consecuencias, Contrastaron e, desta volta, dérona Verificado (2ª iteración), enunciándoa a partir daí coma unha nova Lei, que se inclúe desde entón na Teoría do Sistema Solar.

Materiais
O descubrimento de Neptuno ten moitas das características para ser un dos episodios máis dramáticos da historia da ciencia. Aquí omitimos algúns detalles, como que en Londres si que observaron Neptuno antes que en Berlín pero non o recoñeceron porque os seus mapas de estrelas non estaban actualizados. Todo ten un aire cinematográfico, como as películas de Hitchcock con persecucións desesperadas que se resolven no último segundo, ou como as de Kubrick, con escenas de planetas flotando no espazo. Podedes ler a historia completa, con todo luxo de detalles, na Wikipedia en inglés (hai versión en castelán, con algúns erros de tradución), pero tamén podedes ver estas fotos do mural no que se aprecia o traballo de Laura en 3D, que non ten nada que envexar a Kubrick!


Se queres descargar esta actividade en forma de Proxecto (Word) podes facelo picando nesta imaxe:

24 ago 2019

Encontro con Rosa Cameselle, psicóloga e orientadora do centro: A psicoloxía como ciencia

O todo é máis cá suma das partes

Organizan: Departamento de Orientación e Departamento de Filosofía. Post redactado a partir de contribucións de todo o alumnado da materia de Filosofía de 1º de Bacharelato sobre a base dos traballos de Laura Vilaboa, Teresa Soto, Alicia Ojea e Alexia Penabella.

Este martes tivemos un encontro con Rosa Cameselle, a nosa Orientadora, no que nos falou sobre a ciencia da Psioloxía para informarnos tanto sobre a carreira universitaria como sobre a materia de 2º Bach., pero tamén para facernos ver como foi evolucionando esta ciencia e a importancia que hoxe ten nas nosas vidas.
A letra Ψ (psi) representa á ciencia da psicoloxía porque a palabra provén de dous termos gregos, ψυχή (psykhé) que significa alma, e λóγος (logos) que significa ciencia. Inicialmente significaba a parte da filosofía que trata da alma, das súas facultades e operacións pero actualmente enténdese como ciencia ou estudo da mente e da conduta de persoas e animais, ciencia que estuda os procesos mentais e incluso xeito de sentir dunha persoa ou colectividade.

Evolución da Psicoloxía
O estudo da alma comeza con Sócrates, Platón e Aristóteles nos ss. V - IV aC.
O primeiro experimento (sinxelo) do que hai constancia fíxose en Oriente, onde pedían a unha persoa que debuxase ao mesmo tempo un círculo cunha man e un cadrado coa outra e extraían conclusións sobre o seu carácter. Comezan a falar de enfermidades da mente e a describir procesos psicolóxicos básicos.
En Europa, durante a Idade Media, os transtornos mentais considéranse consecuencia do pecado e trátanse mediante ritos relixiosos.
No Renacemento Descartes descobre o mundo da conciencia e o pensamento (Penso, logo existo), abrindo o camiño para a investigación sobre o mente a outros autores como Spinoza e Locke.
No s. XIX nace a psicoloxía científica. W. Wundt fundou o primeiro laboratorio de psicoloxía experimental, polo que é coñecido coma o pai da psicoloxía científica. W. James e E. Titchener fundan as escolas funcionalista e estruturalista, respectivamente.

As escolas clásicas
O funcionalismo toma como punto de partida para o seu estudo as funcións (pensamento, memoria...) que realiza a mente e trata de describilas e explicalas. O estruturalismo parte do sistema nervioso (cerebro, nervios...) e analiza a súa estrutura para explicar as funciones como actividades de cada un dos seus elementos. Ao longo do s. XX fóronse establecendo as escolas clásicas que desenvolven o traballo destas. A psicanálise de S. Freud explica o comportamento das persoas mediante instintos que están frecuentemente reprimidos e se volven inconscientes, pero inflúen sobre a vida consciente. A súa terapia utiliza como base a asociación libre.
O condutismo busca evitar conceptos como “instinto” ou “inconsciente” e só se refiren a cousas observables como estímulos e respostas ou premios e castigos. Os autores máis importantes foron J. Watson, I. Pavlov, B. Skinner e E. Thorndike. Rosa contounos algúns dos experimentos sobre a aprendizaxe dos ratos que tivo que facer durante os seus estudos e o emocionante que foi volver ver estes aparellos anos despois: hoxe en día os animais están moi protexidos por leis éticas e os experimentos fanse mediante simuladores informatizados.
A. Maslow buscou un enfoque global da motivación dos seres humanos, polo que a súa teoría chámase humanismo. Propuxo a imaxe da pirámide para explicar como unha persoa ten que cubrir un certo grupo de necesidades para poder comezar a perseguir outras de orde superior. Así, comezamos por asegurar a nosa supervivencia física e psicolóxica, cando o acadamos en suficiente grao buscamos a seguridade, despois preocupámonos polo amor e a pertenza, despois polo recoñecemento e, finalmente, pola autorrealización plena.
O cognitivismo é a escola con máis vixencia na actualidade. Comezou cos estudos da Teoría da Gestalt ( = “Forma”, en alemán), que demostran que o todo é máis cá suma das partes e o suxeito ten que agrupar os estímulos para formar unha figura que distingue do fondo. Isto vese moi claro nas figuras ambiguas que temos que interpretar como unha copa ou dúas caras, ou como un saxofonista ou unha cara de muller. Máis adiante, autores como J. Piaget deron un enfoque evolutivo á psicoloxía, o que permitiu desenvolver novas teorías e tratamentos específicos para a infancia e a terceira idade, a conexión coa pedagoxía e a medicina, etc.

O método da psicoloxía
Para finalizar, Rosa sintetizou as ideas que foran saíndo ao longo da súa exposición. As características da psicoloxía son as da ciencia natural:

  • Precisión, para o que se utilizan instrumentos de medida como tests ou experimentos.
  • Obxectividade, porque os fenómenos deben describirse do mesmo xeito, independentemente do suxeito que fai a observación.
  • Empirismo, porque todos os conceptos deben facer referencia a calidades e accións observables.
  • Determinismo, xa que se supón que todo o que sucede ten unha explicación e que, nas mesmas circunstancias, produciranse os mesmos resultados.

O método científico cognitivo-condutual ten catro partes ou obxectivos:

  • Descrición: Recompilación de datos meditante técnicas diversas.
  • Explicación: Busca de relacións de causa e efecto entre os fenómenos, proposta de hipóteses.
  • Predición: Se as hipóteses son acertadas prediciremos resultados futuros.
  • Control: Poder alterar ou reconducir as condicións en que algo sucede.

As principais áreas de estudo e aplicación da psicoloxía son:

  • Psicoloxía experimental. Observa en condicións de laboratorio fenómenos básicos como percepción, sensación, aprendizaxe, memoria...
  • Psicoloxía cuantitativa. Desenvolve métodos matemáticos para o estudo da conduta.
  • Psicoloxía fisiolóxica. Atende ás manifestacións no corpo dos fenómenos psicolóxicos.
  • Psicoloxía da personalidade. Estuda os trazos que caracterizan o comportamento de cada persoa individual, con moita repercusión na clínica.
  • Psicoloxía social. Estuda ao individuo desde o punto de vista da súa relación co grupo de persoas co que interactúa.
  • Psicoloxía evolutiva. Considera de xeito especial as características propias de cada idade da persoa.
  • Psicoloxía da educación. Aplicación á aprendizaxe e desenvolvemento das persoas dos achados da psicoloxía.

Álbum de visitas e fotos
Neste álbum de visitas recollemos os comentarios máis persoais sobre os contidos do encontro e sobre o encontro en si. Despois hai unhas fotos para que lembremos esta ocasión (pica nelas para ampliar).
Grazas, Rosa, volve o ano que vén para o alumnado de 1º Bach. 2019-20!





Imaxe (Caixa de Skinner): impersonalytransferible.files.wordpress.com

10 ago 2019

Encontro con Paz Gesteira, psicóloga e psicomotricista: Xogos e contos

Cando digo o problema fágoo real

Organizan: Departamento de filosofía e Proxecto de Biblioteca 2018-19 Os contos. Post redactado a partir de contribucións de todo o alumnado da materia de filosofía de 1º de Bacharelato.

Paz Gesteira é psicologa e psicomotricista. A psicomotricidade entende que as partes física e mental dunha persoa van unidas na forma de expresar o que sente mediante o corpo. Para desenvolver o seu propio método de traballo, Paz pasou por varios gabinetes nos que non estaba a gusto porque entendían a psicoloxía de maneira diferente a ela, todo era pasar tests e facer informes. Agora traballa deste xeito:

  • Primeiro fala cos pais.
  • Despois fala co paciente. É moi importante establecer a transferencia, unha relación de confianza plena.
    • Observa a súa postura e xestos, o corpo fala.
    • Dálle importancia a que a consulta sexa un espazo cómodo, con bo ambiente, polo que é un salón normal, diferente das aulas escolares, cunha gran alfombra onde pasan a meirande parte do tempo. Se van á mesa non se senta no lado de en fronte senón ao seu carón. Tamén hai pelotas grandes, xogos, libros de contos...
    • Escóitao interesándose polo que quere dicir, preguntándolle e falando todo: a súa vida, relacións, medos, enfermidades. Cando digo o problema fágoo real.
    • Na primeira entrevista adoita preguntarlles ti sabes por que estás aquí? para coñecer o xeito en que percibe o seu síntoma. Outra pregunta, máis adiante, é que pedirías se eu che puidese conceder tres desexos?
    • Nos xogos e os contos o paciente identifícase con algún personaxe e pódense descubrir diferentes aspectos da súa personalidade.
    • Confidencialidade: o que falan na consulta queda entre eles.
    • Non hai un tempo programado para finalizar o número de sesións.
  • Despois de tres sesións volve falar cos pais, e quizais tamén máis adiante porque nese momento xa o paciente permite que lles conte algunhas cousas das que falan na consulta ou incluso lle pide que o faga, xa que o ve coma unha liberación.
Remata a charla contando os casos de dous rapaces aos que axudou.

ANA
En palabras dos seus pais, é perfecta. Saca boas notas, é educada e encantadora. Pero pasa longas horas na pantalla xogando a videoxogos e isto vai afectando a toda a súa vida: non sabe perder e ten episodios de ira, colle perrenchas e cabreos.
Na primeira entrevista pórtase moi ben, ofrece a súa mellor cara, pero ten unha postura corporal encollida. Cando lle pregunta por que está alí di que non sabe, ela é feliz, non ten razón para estar triste. Nas seguintes sesións vai revelando que se sente mal cando xoga cos videoxogos. Non dorme soa, dorme con mamá “por se acaso”. Os tres desexos que “pide” son inmortalidade para a súa familia e para ela, non ter medo a morrer e non estar soa na vida.
É unha nena de sobresaínte pero ten moito medo a decepcionar aos seus pais e ten medo á ESO, chega ao punto de non ser capaz de facer nada por se lles fai dano aos demais. Ela desafógase cos videoxogos pero cando perde póñenlle emoticonos nos chats que lle fan sentirse unha perdedora... Este parece ser, finalmente, o verdadeiro problema cos videoxogos.
Coa terapia Ana plántalle cara ás inxustizas, é mais nena, xa fai as cousas porque quere, a angustia desaparece e, unha parte importante da solución, Ana aprende a dicir non cando considera que non ten que facer o que lle piden.

LEO
Chega a consulta cando está en 1º da ESO. Ten un diagnóstico de hiperactividade e déficit de atención polo que está fortemente medicado, e toda esta situación xustifica o seu fracaso escolar.
O seu corpo fala por el: é moi inquedo, con tics, compulsivo, inseguro... pero tamén é divertido, moi intelixente, pinta e escribe dunha forma impresionante.
Fai esta reflexión: o psicólogo é para xente especial. Todos temos un muro que romper, ser especial é bo. Ser especial significa ter un muro e se non o tes non te planteas as cousas, como por exemplo na novela Diverxente.
Paz axudouna a identificar e facer grechas no muro. Agora ten moitos amigos, é outra persoa, xa non está medicado e xa non ten tics, séntese guapo, está seguro de si mesmo e saca o curso perfectamente.

ÁLBUM DE VISITAS E FOTOS
Como xa dixemos, este post está feito a partir de contribucións de toda a xente de 1º Bach. No álbum de visitas recollemos algúns dos comentarios literais, e despois hai unhas fotos do encontro.
Ata o vindeiro ano, Paz!





7 ago 2019

As mozas son de ciencias, por Lucía Rodríguez Rivas

Resumo, escolma e comentario do libro Las chicas son de ciencias - 25 Científicas que cambiaron el mundo, de Irene Cívico e Sergio Parra con ilustracións de Nuria Aparicio, por Lucía Rodríguez Rivas (1º Bach. CC-Tec, 2018-19).

Este libro fálanos de mulleres científicas que descubriron e fixeron moitas cousas, aínda que non son tan coñecidas como os homes, e conta con fermosas ilustracións.
Hai mulleres de varias épocas, aínda que os falarei das dos séculos XVIII e XIX.
Entre as científicas máis destacadas destes séculos podemos atopar a Caroline Lucretia Herschel, que é a única do século XVIII e era astrónoma. Do XIX podemos atopar a Henrietta Leavitt (astrónoma), Mileva Maric (física), Margaret Sanger (enfermeira), Emmy Noether (matemática), Beulah Louise Henry (superinventora) e Inge Lehmann (sismóloga).
Agora pasarei a falar un pouco dos logros de catro delas.


A miña escolma
Caroline Lucretia Herschel: Primeira astrónoma en descubrir un cometa. Ela observaba o ceo co seu irmán, pero máis tarde, cando el casou, comezou a observalo pola súa conta. Ela foi a primeira muller en atopar un cometa. Atopouno o 1 de Agosto de 1789 e foi descrito como "o primer cometa feminino".

Mileva Maric: Gran física á sombra de Einstein. Grazas a cartas que se escribía con Einstein sabemos que el consultaba todos os seus asuntos científicos con ela, e entre os dous desenvolveron varias teorías. Pero todo o mérito ía para Einstein aínda que traballaban á par.

Emmy Noether: Foi a matemática máis importante da historia. Ela traballaba como profesora e os seus alumnos a admiraban. Tamén resolveu ecuacións matemáticas que hoxe en día son básicas na física.


Inge Lehmann: Era unha sismóloga. Grazas a ela sabemos que o centro da Terra é un núcleo sólido. Descubriu o que hai realmente no centro da Terra.

Valoración
Finalmente pasarei a dar a miña opinión.

Eu considero que é un libro moi interesante e que é unha maneira de dar a coñecer ás chicas científicas. Considero que é importante dar a coñecer a estas mulleres, xa que non son coñecidas e dámoslles todos os méritos aos homes, pero en realidade no é así. Creo que esta inxustiza é debida ao machismo que existía hai tempo, que era maior có da actualidade, e por desgracia, ao non darse a coñecer na súa época, agora non as coñecemos. Temos que investigar máis para atopar a información destas mulleres.

Referencias e materiais
O libro Las chicas son de ciencias - 25 Científicas que cambiaron el mundo está na biblioteca do Floriani, con nº de rexistro 4432 e sinatura 82-C:141.72/CÍV/chi.
Sabes que significa a sinatura 82-C:141.72 na nosa biblioteca? - Cómic feminista! Se queres botarlle unha ollada á nosa sección de feminismo en banda deseñada, pica nesta ligazón.

O sitio web mujeresconciencia.com é moi interesante. Picando na figura da dereita accédese a unha páxina de ligazóns onde se poden atopar as biografías das 25 mulleres das que trata o libro, e moitas cousas máis.

A compañía Luana Games ten unha páxina con materiais descargables, coma un xogo de simulación de granxa e unha baralla de cartas sobre mulleres na ciencia. Picando nesta ligazón podes acceder á páxina do vídeo xogo, e picando na imaxe da esquerda podes descargar o PDF coa versión imprimible da baralla de cartas.

Imaxes: mujeresconciencia.com (Editorial), luanagames.com (Mulleres en ciencia).