A vella na cova

Nunha cova vive unha muller. Sempre acudimos a ela cando temos un problema: unhas veces vén un parto complicado, outras non se dá curado unha enfermidade; quizais queremos saber se xa é o tempo de sementar ou quizais queremos quitar unha mancha nun pano especial.
Ela rebusca entre as súas herbas, que ten colgadas en feixes nas paredes; remexe nos seus tarros, cheos de cogomelos secos e animais raros; escolle algún dos trebellos que ten agochados debaixo dunhas pedras e que usa para cocer ao baño de María, para destilar líquidos ou para facer unturas e cremas. Nas rochas que están preto da gruta ten feitas marcas que case non vemos porque están moi disimuladas, e que utiliza pola noite para mirar a lúa e as estrelas.
Cando ten que acompañarnos, polo camiño vai contando historias de hai moitísimo tempo que di que non podemos esquecer porque nelas lémbranse os erros que non debemos repetir.
Nos sotos dun mosteiro, moi próximo pero ao que ninguén pode chegar, agóchanse libros prohibidos, nos que ela pensa con tristura. Canta ciencia e que pouca sabedoría! Cantos coñecementos que ninguén porá en práctica! Canto sabemos... e que manía de guiármonos por contos á hora de actuar!
Entre as columnas dun templo, moi afastado pero que sempre se ergue detrás de nós, a sabedoría é unha muller virxe, armada con helmo e lanza, acompañada por unha curuxa. Representa o uso tristeiro da ciencia e a tecnoloxía que sempre nos fascinou: a victoria na batalla, a guerra contra a natureza, a imposición dunhas persoas sobre outras.
A nosa vella tamén ten unha curuxa, pero ela sabe moi ben que esta ave só voa á tardiña.


Este é o Blog do Departamento de Filosofía do IES Pedro Floriani de Redondela. Nace da confluencia dunha necesidade e dun ideal.
A necesidade é a de dar un espazo para a comuncicación entre a comunidade filosófica do noso centro, facilitando a publicación de comentarios e traballos, a descarga de documentos para o estudo, etc.
O ideal é superar os prexuízos que nos fan ver as cousas como non son, e non velas tal coma sempre foron. Un modelo admirable nesta pugna é o libro de Nuria Solsona Mulleres científicas de todos os tempos no que se desfai a mentira de que nunca houbo mulleres científicas. Como que non? Durante séculos as científicas vivían alonxadas das vilas, perseguidas polos "sabios oficiais", polo clero e polos fanáticos cegos dunha Atenea ignorante. Pero elas eran as que curaban, as que coñecían as estrelas, as que daban consellos... Aprendamos desta autora a sermos críticas/os co que se nos conta e a buscarmos a verdade, que soe ser difícil de ver porque a temos diante dos nosos nosos propios ollos...



Pica aquí para ver os debuxos de 2º e 4º da ESO sobre o relato.