5 ago 2019

Lou von Salome e Nietzsche, por Iñaki Míguez

Este post está feito a partir dun traballo de Iñaki Míguez (1º Bach. CT, 2018-19) baseado no libro As mulleres na Filosofía, de Inés Fernandez Buján. Iñaki distingue tres aspectos:
a construción do feminino na filosofía de Nietzsche,
a importancia da figura de Lou von Salome e
por que esta autora non tivo o recoñecemento que lle corresponde.

O feminino na filosofía de Nietzsche
A obra de Nietzsche está chea de observacións e comentarios misóxinos. A muller é o xénero débil, decadente e reactivo, que necesita a acción do varón para actuar en resposta a ela. Gústalle ser sometida e utiliza a súa astucia para enganar ao home. En troques, o varón é o xénero poderoso que ten que someter a muller e protexela.
Poderíamos dicir, xogando a facer psicanálise barata, que esta visión está influenciada pola experiencia persoal do autor, que viviu unha infancia na que se mesturaba a ausencia de figuras masculinas (seu pai, pastor protestante, morrera sendo el moi novo e na súa familia había soamente mulleres) cun ambiente moi relixioso e moi represivo. Nietzsche mesturaría todos estes feitos e culparía indiscriminadamente ás mulleres e ao cristianismo de todas as falsidades.
Pero hai máis: do mesmo xeito que en toda a súa obra critica a visión do mundo ofrecida polo Romanticismo, que despreza o carácter e a individualidade de cada persoa fronte aos do grupo, tamén denuncia a imaxe arquetípica que dan da muller Goethe e outros autores, o eterno feminino, un ideal da beleza, da bondade resignada e da entrega ao fogar, chea de prexuízos sentimentais. A imaxe representa a Fausto e Mefistófeles xogando ao xadrez baixo a mirada do Eterno Feminino, a quen acabará correspondendo facer a última xogada da partida.
Para Nietzsche a muller, como individuo, non tería que ser (en palabras de Derrida) necesariamente castrada ou castrante, senón que podería ser afirmativa. A importancia da educación da muller, poñendo o embarazo como centro de todas as súas aspiracións, deixa entrever tamén a posibilidade de que ela desenvolva, en caso contrario, un carácter creativo.
Ao non ser reprimida pola educación, a muller podería desenvolver a súa individualidade sen diferenzas de dereitos co varón. Cabería, xa que logo, unha lectura feminista de Nietzsche, aínda que fose por inversión, xa que a inferioridade da muller non sería, entón, natural, senón que estaría inducida pola educación.

Lou von Salome
En canto a Lou von Salome, coñecida como Lou Andreas-Salome tras o seu matrimonio con Carl Friedrich Andreas, foi unha muller moi influente durante o século XIX e posteriores. Inés Fernández agrupa a esta filósofa e escritora rusa nun segundo grupo de mulleres independentes (como Mary Wollstonecraft, cuxo post podes ver picando nesta ligazón), despois das primeiras que destacaron na Ilustración e que foron en moitos casos brutalmente reprimidas (Olympe de Gouges sería un exemplo) e antes doutras, xa do s. XX, que tematizaron este movemento feminista (como Virginia Woolf ou Simone de Beauvoir).
Compartiu traballo con varios dos persoeiros máis recoñecidos da cultura e a ciencia de finais do século XIX e principios do XX, como Nietzsche, Freud, Rilke entre outros, aportando moito ás súas obras e, de feito, foi a autora de varios dos escasísimos artigos que se escribiron en vida de Nietzsche sobre o seu pensamento, xa que foi un autor maldito a quen toda a comunidade filosófica pretendeu ignorar. Desenvolveu algúns conceptos sobre a psicoloxía da muller, tema que o propio Freud consideraba necesario que fora explicado por mulleres formadas na psicanálise, pero foi tamén crítica fronte a algúns conceptos freudianos.

A falta de recoñecemento
A imaxe que acompaña estas palabras é unha das poucas fotografías que se conservan de Nietzsche. Utilizarémola para ver a realidade dunha relación que a historia terxiversou.
Lembremos que Nietzsche propuxéralle matrimonio á autora rusa, rexeitándoo ela con gran descalabro do filósofo, e tomando como amante a Paul Rée, o amigo de ambos, terceira figura da imaxe. Nietzsche escribira o aforismo Vas con mulleres? Non esquezas o látego, pero Inés Fernández chama a nosa atención sobre o feito de que, en realidade, é ela quen o leva na man. Isto pode ben tomarse como unha metáfora do que a historia adoita facer: prestar atención ás palabras dos varóns mentres que as accións das mulleres, frecuentemente máis consecuentes e fértiles, son agochadas e esquecidas.
Lou von Salome case non é recoñecida ata hai relativamente pouco, a sociedade era tremendamente machista e todo rastro feminino era eliminado, xa que non era desexado nesas épocas. E este non foi o único caso, tamén hai moitos outros, como cada vez mostran máis claramente as investigacións, aínda que durante máis de catro mil anos da historia humana só se recoñecese aos homes.

Materiais e fontes
A base deste ensaio é a obra de Inés Fernández Buján As mulleres na Filosofía, Baía edicións, A Coruña 2006, ISBN 84-96526-48-8. Témolo na biblioteca do Floriani, con nº de rexistro 13623 e sinatura 1(03)-FER-mul.
Entre as páxinas consultadas recomendamos este profundísimo estudo da relación de Lou von Salome con Freud: Vida y obra de Lou Andreas Salome: una aportación al estudio psicoanalítico de la feminidad (Tese de doutoramento de Pilar García Pardo, Universidade Complutense de Madrid).
Ver tamén en A vella na cova... Mary Wollstonecraft, por Sheila Cadenas.

Imaxes tomadas de de10.com.mx (Lou von Salome e Nietzsche), revistamito.com (Fausto, Mefistófeles e o eterno feminino), mirfaces.com (Lou von Salome), ep01.epimg.net (Lou von Salome, Nietzsche e Paul Rée) e baiaedicions.gal (As mulleres na filosofía).


No hay comentarios:

Publicar un comentario