4 jul 2018

CHARLAS "Planeta Verde" 4 - Cisne negro

A perfección non é só cuestión de control

Levamos avisando desde hai xa varios meses:

 COIDADO: SPOILERS! 


Por favor, vede a película antes de asistir á charla (ou de ler este post).
Cisne Negro é unha película moi bonita pero tamén moi dura. Hoxe tomámola como metáfora para preguntármonos pola relación entre a arte, a cultura, a propia ciencia... e a natureza. Presentan a charla Gael González, Carolina Guedella, Aarón Iglesias, Andrea Regueiro e Desiré Vilaboa.
Para entender de que trata a película dedicamos uns minutos a ver o trailer:



Presentación
Gael introduce o tema.
Nina (Natalie Portman) quere ser a protagonista de O Lago dos Cisnes de Tchaikovski, un ballet no que a mesma bailarina ten que representar os dous personaxes opostos: a princesa Odette (o cisne branco, elegante e inocente), e a bruxa Odile (o cisne negro, desgarrado e sensual). No proceso de preparación do baile vai ter que enfrontar moitas dificultades que a farán cambiar o seu xeito de ver a arte, o seu propio corpo e a súa situación ante a vida e a morte.
Tamén nós temos que afrontar esta dualidade ao achegármonos á natureza: dunha banda admirámola e gozamos dela na súa pureza pero, da outra, actuamos sobre ela e dominámola, mediante a ciencia e a tecnoloxía, para protexérmonos dos seus perigos e obtermos beneficios.

Cisne branco
O personaxe do cisne branco suxírenos a idea dunha natureza pura, non tocada aínda polo ser humano.
Desi explica cómo é Nina cando comeza a preparar o seu papel, unha rapaza chea de amor e bos sentimentos, cunha enorme paixón pola danza e moi perfeccionista.
Así é como nos achegamos á natureza, para gozar dela respectando o seu equilibrio, a vida e os seres que a poboan.

Transformación
Aarón continúa a historia de Nina: O director do ballet faille ver que está facendo un cisne branco perfecto pero non é quen derepresentar o cisne negro. Non abonda coa beleza dos xestos e os movementos, cómpre unha emoción que non está transmitindo, probablemente porque non a sente.
Buscando novas experiencias entrará en contacto con ambientes e persoas que nunca coñecera, co pracer do sexo e coas drogas e coa esixencia extrema das persoas que a rodean: a súa nai, o director, a súa rival na compañía de ballet... En último extremo verá que é a si mesma a quen se está enfrontando e que está chegando a extremos aos que nunca chegara, tanto de perfección como de sufrimento.
Isto representa, na nosa metáfora, o xeito en que utilizamos a natureza guiándonos polas esixencias de grupos de poder político e económico, malgastando os seus recursos e sen respecto pola vida e o seu equilibrio.

Cisne negro
Carolina amósanos a Nina xa convertida no cisne negro. A súa mente sufriu unha gran transformación e está dominada por sentimentos que lle eran estraños, como a violencia e a paixón. Vémola segura de si mesma e guiada pola determinación de representar o papel, pero tamén hai momentos de incerteza nos que parece que todo non é máis ca un delirio que non sabemos a que vai conducir.
O corpo de Nina sofre tamén una incrible metamorfose. Incluso empeza a notar que lle brotan plumas na pel. Cando entra no escenario comeza a bailar fóra de si e vemos como lle saen ás en lugar dos brazos. Pero non podemos dicir qué de todo isto é verdade e qué é imaxinación enferma.
Seguindo coa comparación, Carolina pasa á seguinte diapositiva da presentación e móstranos imaxes dun mundo no que a ciencia actúa tamén coa duplicidade dunha persoa psicótica. Tras a aparencia dunha seguridade absoluta e a certeza do noso dominio sobre a natureza agóchase a realidade de bosques ardendo, ríos contaminados, redes e plásticos nos que as tartarugas morren enleadas... A imaxe das plumas que agroman na pel de Nina lémbranos á das árbores talladas dun bosque queimado. Que estamos facendo?

Morte
Andrea extrae agora as conclusións. Hai moitos finais para O Lago dos Cisnes. A versión orixinal de Tchaikovski, desoladora, cambiouse moitas veces para facela máis optimista ou, polo menos, non tan tráxica. Pero sempre a morte anda polo medio, só cambia quen morre, Odile ou Odette, e de que xeito o fai. Non vos desvelaremos o que sucede nesta película, pero o importante é que o futuro non está escrito, que temos opcións e que non temos por que seguir estendendo a sombra da morte sobre o Planeta Verde.


Materiais
Picando nesta imaxe podes acceder a unha páxina que inclúe un resumo breve de O Lago dos Cisnes:



Estas son as fotos da charla, o cartaz e a presentación. Coma sempre, arrumbamos as mesas e deixamos a biblioteca en perfecto estado, pero hoxe esta recollida ten un simbolismo especial porque as charlas rematan por este ano. Por isto, tamén, deixamos a ligazón do Planeta Verde para que descarguedes todos os materiais do ano: os cartaces e as presentacións das catro charlas. Ata o vindeiro curso!!!.



   



No hay comentarios:

Publicar un comentario