2 jul 2018

CHARLAS "Planeta Verde" 3 - O señor dos aneis e a filosofía

Os Uruk-hai créanse únicamente para a guerra

Hoxe falamos do Planeta Verde da man de Javier e o libro de Gregory Bassham e Eric Bronson O señor dos aneis e a filosofía.
J.R.R. Tolkien viviu a Primeira Guerra Mundial e confirmou que moitas das escenas dos seus libros están inspiradas nas que el presenciou no campo de batalla. Para a Europa de principios do s. XX esta guerra non só supuxo un gran sufrimento físico pola perda de vidas e o horror das batallas, senón tamén un gran sufrimento moral ao ver o destino que se daba á tecnoloxía. Ata aquí a confianza na ciencia e no progreso era inconmovible e todo o mundo pensaba que nos levarían, sen dúbida, a un mundo mellor.

Trincheiras e máquinas para a morte
Pero coa guerra comezou o espectáculo macabro dos nenos de 15 e 16 anos morrendo nas trincheiras ao pasaren nelas meses de frío, fame e falta de hixiene para saltaren despois e matárense por milleiros nun só día.
E as
máquinas que deixaban á xente abraiada porque podían voar, coma os avións e os dirixibles, ou pola enerxía inmensa que podían despregar, coma os barcos e os tanques... esas máquinas eran usadas para esnaquizar os corpos de meniños e civís, en manobras de estratexia dirixidas por militares que estaban a milleiros de quilómetros de alí, coa cabeza chea de soños de gloria.
Os Uruk-hai representan este uso perverso da tecnoloxía na obra de Tolkien. Son personaxes creados para matar, e é o que fan constantemente. Tamén a natureza: as árbores e a contorna.

Imaxes da guerra
Tolkien, di Javier, pon moitas imaxes na súa narración para facernos sentir o que el sentiu, por exemplo, ao ver os mortos da batalla do Somme. Unha delas é o paso polo Pantano dos Mortos, onde Frodo e Sam ven as caras e os corpos dos cadáveres da batalla de Dagorlad.
Tamén vemos algunhas escenas da película que lembran a Primeira Guerra Mundial, como a batalla de Gondor e a do Abismo de Helmo. Javier anímanos a que non as vexamos inxenuamente coma un espectáculo que glorifica a loita e a matanza senón que pensemos que están inspiradas por feitos históricos brutais nos que milleiros de nenos, moitos deles menores ca nós, saltaban das trincheiras para matar e morrer por causas que nin sequera coñecían.




Un xiro de guión inesperado
Así nos contou a historia do Precioso Tesouro e a súa destrución nas Fendas do Destino. Pero agora vén unha revelación inesperada:



O anel non foi destruído,
JAVIER MESMO TENO AQUÍ,
NA SÚA MAN.

QUE?



Toda a clase quere velo. David faise con el e amósanolo. IMPRESIONANTE, que incrible xiro de guión!


Fotos e materiais
Aquí vos quedan unhas fotos do ambiente da charla, xunto co cartel e a presentación. Lembrade, como dixo Sam Gamllí, Hai algo de Ben neste mundo, Sr. Frodo, é vale a pena loitar por el.



   



No hay comentarios:

Publicar un comentario