6 sept 2019

A trampa hidráulica, por Lidia Collazo

Agora é o momento de desfrutar as obras que se fixeron, non? - Pois non.
Unha tese fundamental do libro Canibales e reis, de Marvin Harris, comentada por Lidia Collazo (1º Bach. C-T, 2018-19).

No Neolítico comézanse a substituír a caza e a recolección, necesarias para conseguir alimentos nas sociedades, pola agricultura e a gandería.
Se este cambio foi para mellor ou peor é moi controvertido, pese á idea que nos inculcaron dende meniños de que os cazadores recolledores vivían ao borde da inanición a realidade e as probas científicas defenden que dedicaban menos horas ca nós a procurar o seu alimento.
Pero a caza-recolección ten unha gran pega non moi evidente, para que funcione a taxa de poboación ten que manterse moi baixa (por termo medio, un máximo de 15 persoas por cada grupo social).
Dise que comezamos coa agricultura e a gandería tras un período de glaciación onde a poboación en lugar de diminuír aumentou, provocando un maior consumo e a extinción de varias especies de animais.
Por esta razón a xente decidiu centrar a súa atención nas plantas e co tempo foron volvéndose domésticas. Cunha produción constante de vexetais e uns excedentes que se podían almacenar desde unha colleita ata a seguinte puideron tamén comezar a domesticar animais herbívoros e a comelos. Así naceron a agricultura e a gandería.
Estas prácticas teñen varios inconvenientes; a gran cantidade de horas de traballo que se necesitan, lugares e técnicas para poder almacenar o que se produce… Pero a máis importante e a constante necesidade de auga, ningún sistema agrícola-gandeiro pode existir sen auga.

A división do traballo
A solución (pero aquí está tamén a trampa) chegou da man das obras públicas.
Alguén propón implementar un sistema de regadío. Convencen os aldeáns de que se colaboran poderán pasar máis tempo coas súas familias, menos tempo no campo, obter cultivos máis sans… en conclusión poderán desfrutar do seu traballo. Con isto en mente os homes marchan da casa para comezar a traballar, só os homes xa que as mulleres tiñan que quedar na casa coidando do campo e a familia elas soas. Para poder levar a cabo un traballo tense que facer un reparto, uns poucos dirixen e outros moitos traballan. Así, uns poucos comezan a acumular poder a costa do resto que o único que fan e entregar traballo, ás veces simplemente a cambio dunha promesa.
Con esta división do traballo a estratificación do poder vai cada vez a máis. Os mundos do varón e o da muller sepáranse e comézanse a diferenciar o traballo produtivo e o traballo especulativo.

A trampa hidráulica
O verdadeiro problema vén cando acaban as obras (neste caso un sistema de regadío, pero podería ser unha presa, unha estrada para comerciar…). Construílo leva moito tempo e necesita moito traballo e man de obra, mantelo non. Podería volver todo o mundo a casa, disolver as xerarquías e gozar das vantaxes, traballando moito menos cada día pero tendo boas colleitas aseguradas. En teoría agora é o momento de desfrutar as obras que se fixeron, non? - Pois non.
Ten sentido, se non o pensas moito: os gobernantes que levan todo o proceso acumulando poder non son partidarios de deixalo marchar e propoñen novos proxectos que esixan a participación de todo o pobo pero que manteñan os seus privilexios. A falta de algo real que facer optan por asuntos ideais como a relixión (protexer ao faraón despois da morte), o engrandecemento do grupo (guerras por motivos de honra), etc.
Cando un pobo cae na trampa hidráulica xa non se liberará das xerarquías e o reparto inxusto de riqueza e traballo, e expandirá o seu dominio sobre os territorios veciños.
As propias ideas relixiosas ou militares serven de xustificación para si mesmas: como non todos os traballadores estaban conformes coas explicacións que lles daban, os altos cargos (nos que inclúo a igrexa) intensifican as presións e ameazas (se non traballas estás a renegar do Señor).
Isto, que pasou inicialmente no antigo Exipto e se repetiu despois en tantos lugares, podemos aprecialo tamén na historia de Galiza. Por exemplo, durante a Idade Media era práctica habitual levar a poboacións enteiras a lugares perdidos polo monte para construír mosteiros, ben para aliviar a superpoboación nos escasos momentos en que non había pestes e miseria, ben para castigar a vilas que se rebelaban contra os nobres e o clero. Eses mosteiros inmensos alonxados das poboacións son a nosa versión das pirámides exipcias, a nosa particular trampa hidráulica.

Que é ó poder?
Pero que é ese poder do que levamos todo este tempo falando?, como se consegue?, como se mantén?
Nestes tempos, despois e agora o poder vén sendo simbólico. Supoño que en civilización máis simples o que gobernaba e tiña todos os privilexios era o máis forte, o que pelexando saía vitorioso.
Pero xa despois coa propiedade privada e os sistemas sociais e económicos máis complexos era o máis intelixente. O que sabía que terreo escoller, que animais comprar, con quen casar os seus descendentes…
Como os poderosos cada vez o son máis a xente comeza a pensar que non hai posibilidade de cambio e aceptan a submisión.
Un exercito gobernado por un Capitán (pensemos en Napoleón) obedece, non por que lles vaia pegar, senón por que unha soa persoa ten todo o poder e as demais aceptan ese símbolo.

Marvin Harris
(Comentario do Departamento).
Marvin Harris (1927 - 2001) é unha das voces máis recoñecidos entre as/os autoras/es da nacente ciencia da antropoloxía. A súa corrente, o materialismo cultural, explica as crenzas e usos das sociedades a partir do estudo científico moi rigoroso das condicións de vida que a contorna ofrece e permite. En varias das súas obras analiza como os tabús (que tanto cremos ter superados na nosa cultura) proceden da necesidade de controlar a produción e o consumo para maximizar as vantaxes da tecnoloxía sen chegar á extinción dos recursos. Este control faise de xeito moitas veces inxusto, difundindo falsidades e prexudicando a grupos sociais, e en última instancia dun xeito moi ineficiente porque moitas civilizacións chegaron finalmente a exterminarse a si mesmas (e outra vez pensemos na nosa propia, que se encamiña a un calexón sen saída pola incapacidade de frear o abuso dos combustibles fósiles).
Recomendamos, a nivel de divulgación medio-alto, este libro, Caníbales e reis, xunto con Vacas, porcos, guerras e meigas. Estas son as obras súas que temos na biblioteca do instituto:



Imaxes: abebooks (Canibales e reis), lasclarasmuseoticum (regadío), lagallofa (división do traballo), apuntesea.blogspot (pirámide social - traducido), mosteirodeoseira (mosteiro de Oseira), elgrancapitan (Napoleón), muyinteresante (M Harris), iberlibro (Vacas, porcos, guerras e meigas).

No hay comentarios:

Publicar un comentario