17 jul 2015

Evolución da traxedia grega - A avaliación nietzscheana

por Estela Parada Rodríguez. 2º Bach. A, 2014-15.

Grecia é o berce da nosa cultura, e a súa traxedia evoluciona paralela ao pensamento nela. A continuación falaremos de como vai mudando tal drama nesta civilización e das conclusións ás que chega Nietzsche analizando ese cambio.
Dende a concepción nietzscheana a traxedia grega foi froito da fusión de dous elementos do espírito grego:
o dionisíaco: noite, escuridade, vontade irracional, cousa-en-si, unidade, embriaguez, dor cósmica...
que toman a forma de coro, música e danza; e

o apolíneo: día, luminosidade, razón, aparencia-fenómeno, principio de individuación, ensoño, alegría solar...
que se manifestan coma personaxes individuais e palabras.
O nome traxedia (τραγῳδίαtragodia) posúe dúas raíces: “macho cabrío” (τράγος / tragos) e "cantar" (ᾠδία / odía), ou sexa "o canto do macho cabrío".
A denominación dános unha pista das súas orixes: inicialmente eran unhas festividades en honor de Dionisio (deus da vendima e do viño) nas que se sacrificaba ao macho cabrío e nas que un coro de sátiros disfrazados deste animal entoaban un ditirambo, cantaban e danzaban improvisadamente.
Co paso do tempo, un deles, o corifeo, portavoz, comezou a cantar só, e estableceuse un diálogo entre un xa solista e o coro. Este é visto por Nietzsche coma o primeiro elemento apolíneo engadido, se ben o esencial segue a ser o fondo dionisíaco. Gracias a este o espectador pode fundirse cos demais homes e descobre a suprema unidade de todas as cousas, aceptando o consolo metafísico (a vida pensada coma indestrutiblemente poderosa e pracenteira) e gárdase da negación budista da vontade que Schopenhauer lle dera a coñecer.
Chegado o século V a.C., rememorando estas antigas cerimonias, o que se facía era, en honor de Dionisio tamén, pero cun carácter moito máis festivo, concursos nos que os poetas debían presentar tres traxedias (unha triloxía) e unha comedia satírica. O primeiro gañador coñecido foi Esquilo, cuxa triloxía, a Orestía, aínda se conserva. El fixou as regras fundamentais do drama tráxico e introduciu máscaras e coturnos (sandalias que buscaban diferencialo da comedia, na que se utilizaban zocos).
Os anos pasan e a Esquilo, xa vello, xúrdelle un rival: Sófocles, que introduce un segundo personaxe. Interactuando desta maneira dous personaxes e un coro, que cada vez participa menos na acción e se converte en comentarista dos feito. Chegado este momento créase o monólogo e os personaxes expresan cada vez máis libremente os seus pensamentos. Nas palabras de Nietzsche, segue a ser Dionisio, oculto tras a máscara das figuras da escena, o único heroe.
Finalmente, Eurípides completa o círculo coa súa polémica obra As bacantes. As bacantes deunos a coñecer a tradición destas sacerdotisas do deus Baco (outro nome de Dionisio, máis xeralizado en Roma), que practicaban un salvaxe rito: esnaquizaban pequenos animais vivos para comelos e bailaban espidas, excitadas e drogadas.




Este autor pon maior atención nas emocións polas que van pasando os personaxes, xa non heroes clásicos, senón persoas problemáticas e inseguras. Comezan a ser importantes mulleres, escravos e vítimas de guerras, que seguen os seus impulsos irracionais, e introdúcese un terceiro personaxe. Para Nietzsche, con Eurípides desaparece o dionisíaco, pero tamén Apolo: o único que queda é Sócrates e o seu diálogo platónico. O alemán considérao o gran corruptor, pois impón o optimismo da ciencia, con el o saber pasa a ser medicina universal, e o home teórico (que cre que mediante a súa racionalidade pode alcanzar verdades que lle permitan superar a dor da existencia) triunfa sobre o home tráxico (que valora máis a paixón cá razón).


No hay comentarios:

Publicar un comentario