16 sept 2014

A educación: Platón e Kant

por Antonella Panebianco Barreiro. 2º Bach. CT, 2013-14.

Neste artigo procederemos a facer unha comparación entre o sentido da educacion na Grecia do século V a. C. e o período da ilustración, século XVIII. Para facer isto, colleremos a un autor grego, Platón, e a un autor da ilustración, Kant.
En primeiro lugar, analizaremos os puntos en común destes autores: ambos crían na necesidade dun enriquecemento das clases medias, no avance da ciencia e en dedicar diñeiro á cultura á arte e ás actividades culturais en xeral. Con isto pretendíase unha mellora da vida en sociedade, pero partindo sempre dende a cultura e, polo tanto, dende a educación.

Platón e o Século de Pericles
Platón vive nunha época economicamente moi boa. Atenas comezou sendo unha aristocracia pero chegou no século VI a.C. a unha difícil situación de desigualdade que provocou unha serie de revoltas dos campesiños. Solón, un dos sete sabios gregos, intenta poñer fin a esa situación e elabora unha serie de leis. Iníciase un período de mellora ata as guerras médicas, nas cales se enfrontaba a Liga de Delos (unión de polis gregas) cos Persas. Esta guerra é gañada pola Liga. Pericles farase co diñeiro do exército grego e levarao a Atenas. De este modo dá comezo unha época de esplendor, constrúense templos da acrópole, coma o Partenón, desenvólvense a literatura e o teatro, etc. En definitiva, investiuse en cultura para mellorar a vida da sociedade.
Platón deulle moita importancia á educación dos nenos desde unha idade moi temprana. Era necesario que os nenos se educaran tanto no plano mental como no plano físico, xa que Platón cría que entre corpo e alma debía haber unha harmonía. Os pais, segundo Platón, non poderían educar ben aos seus fillos polo que deberían dexarse en mans de xente que tivera os coñecementos adecuados. Toda a poboación recibía educación pero só os gobernantes se dedicarían á ciencia.
Por iso, Platón vaise dedicar a fundamentar teoricamente unha sociedade ideal, dicindo que os males dos humanos non desaparecerán ata que a raza dos puros e auténticos filósofos cheguen ao poder. A cidade ideal de Platón tería tres clases sociais. En cada unha predomina unha parte da alma que debe ser educada para realizar as funcións que lle son propias. Podíase producir mobilidade social xa que estas características non se herdaban. Para Platón a educación serve para acercarte ao mundo das ideas.

Kant e a Ilustración
A continuación explicaremos a Ilustración para así poder entender a educación proposta nesa época: A Ilustración é o movemento cultural predominante do século XVIII. Os aspectos fundamentais son a exaltación da razón, a educación como medio para o progreso, as posibilidades dos homes para transformar o mundo. Defendían a posesión dunha serie de dereitos naturais e, por último, a liberdade fronte ao abuso do poder do absolutismo.
A elite tiña a necesidade de aprender e de ensinar o aprendido. O que fixo posible en gran medida este cambio de mentalidade foi a filosofía de Descartes, baseada na dúbida metódica, e a revolución científica de Newton. Foi moi importante para o labor de divulgación a Encyclopédie raisonée des Sciences et des Arts publicada por Diderot e D´Alembert.
Para Kant a educación constaba de dúas partes, unha positiva e outra negativa. A primeira sería a instrución, que consistía na transmisión de coñecementos de unha xeración a outra. A segunda sería a disciplina, na cal se reprimiría o instintivo e animal. Hai unha necesidade da educación para ser persoas completas e chegar así á perfección humana. A educación é a forma de pasar da minoría de idade e conseguir un propio criterio. Mediante a educación seremos capaces de obrar moralmente sen necesidade de ninguén e chegar a guiarnos por nós mesmos. Se non hai educación somos pasto para a xente que domina.
As persoas que deberían ensinar son as que están realmente cualificadas para iso, e dicir, a xente máis sabia, que ten a obriga moral de facer uso público da razón: informar á sociedade dos problemas que xurdan ao aplicar leis inxustas ou mal feitas e propoñer solucións. A educación ten que ser popular e a escolarización obrigatoria.

Conclusión
A educación é un piar fundamental para a formación das persoas, axuda a que non sexan ignorantes e non se deixen enganar por ninguén. Investir en educación é a única maneira para que a sociedade mellore e por iso a mentalidade destes filósofos supuxo un gran avance na sociedade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario